O Centro Galego de Miranda de Ebro foi fundado en marzo de 1983, e estivo durante 20 anos nun local da súa propiedade, na rúa Ramón y Cajal, 51, 1º dcha. desta cidade burgalesa.

Coincidindo co XX aniversario da institución e coa celebración do X Día de Galicia en Castilla e León, foi inaugurada polo director xeral de Emigración da Xunta de Galicia, D. Juan Castellano Herrero, e polo alcalde de Miranda de Ebro, D. Fernando Campo Crespo, a súa actual sede na rúa Logroño, 56, baixo.

Esta nova sede conta con instalacións de biblioteca, despacho administrativo, bar aberto ó público en xeral, local para ensaio do Grupo de Danzas e salón para uso dos socios.

O Centro está presidido desde a súa fundación por D. José Vicente Alfonso Tojeiro, e os seus socios (moitos dos cales levan en Miranda de Ebro corenta ou cincuenta anos) están perfectamente integrados nesta comunidade, adicados sobre todo a profesións relacionadas co mundo industrial, profesionais libres, e outros empregados, sendo todos eles considerados e apreciados polos naturais desta cidade.

O Centro como institución sempre estivo aberto a todos os mirandeses; de feito participan en diversas actividades a nivel local en colaboración con outros grupos da cidade e co Concello, mesmo algúns membros do grupo de baile da entidade non teñen lazos de ningún tipo con Galicia, excepto a amizade.

Esta entidade concedeulle o título de Socio de Honor do centro á extinta Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta de Galicia, no transcurso dun acto público durante a celebración do X Aniversario da institución no mes de abril de 1993

Ó Centro Galego de Miranda de Ebro foille recoñecida a condición de galeguidade pola Xunta de Galicia o 28 de xaneiro de 1988, e na actualidade conta cun total de 213 socios, dos cales 177 socios son galegos.